definición do proxecto

Mapas reealizados polo patrón retirado José López Redonda

PROXECTO COSTA DA MORTE

O Proxecto Costa da Morte é o resultado de convidar tres artistas, que empregan a fotografía, a traballaren na comarca, sen ningunha esixencia narrativa ou descritiva. Non se trataba polo tanto de realizar nin unha nin tres reportaxes sobre esta zona, senón de convertela en territorio de produción artística, de xeito que aparecese reflectida só na medida en que eles o determinasen libremente en función dos seus proxectos estéticos.

Cantís, baixos, coídos, praias perigosas… temporais, vagas de mar, borraxeiras… definen a singular xeografía da Costa da Morte. Estas características, unidas ao importante tráfico marítimo que determina a súa situación xeográfica e ás condicións de inseguridade en que se ten realizado, ocasionaron un gran número de naufraxios ao longo da historia, tanto dos barcos da mariña mercante que atravesan estes mares como dos mariñeiros da zona. A vivencia destes particulares sucesos, unida ao illamento que sufriu a comarca, determinaron a aparición dun potente imaxinario. As últimas traxedias do Casón e, fundamentalmente, a do Prestige, déronlle a esta comarca unha importante proxección mediática, na que a fermosura e a forza do territorio ían vinculadas á traxedia.

Luis González Palma, guatemalteco residente na Arxentina, presenta o mar como medio para a viaxe, o soño e a fantasía na súa obra Ara Solis. Para isto despraza maquetas de barcos de pesca de baixura do Museo do Mar de Fisterra aos dormitorios das casas próximas, evocando mariñas con diferentes atmosferas e distintos estados do mar. Completa a serie coa imaxe dun tipo de barco que dende o século XVIII até comezos do XX cruzaba o océano, pero neste caso colocada sobre unha cama na Arxentina, o que lle confire un significado metafórico da relación entre Arxentina e Galiza, particularmente estreita no caso de Fisterra. O feito de seren recoñecíbeis os espazos e os elementos que neles hai fai que as imaxes se distancien das estratexias de simulacro, tan presentes na fotografía das décadas pasadas, e acaden unha importante forza poética.

Dende hai tempo Luis está interesado na arte relacional, aínda que as súas obras anteriores non obedecesen a formulacións dese tipo. Aquí, por primeira vez, reclama a participación do visitante, propóndolle que escriba, nas postais que reproducen as súas obras, o que estas imaxes lle suxiren. Posteriormente estas postais entran a formar parte da obra.

A arxentina Graciela Sacco, en Calquera saída se pode converter nun encerro, suxire, mediante un mural, os significados tan diferentes que o mar pode ter e os sentimentos tan encontrados que pode provocar. Nesta bisbarra o mar é un medio de vida de suma importancia. Mariñeiros, mariscadoras, percebeiros e traballadores da mariña mercante viven del. Foi tamén o medio a través do cal unha parte moi importante da súa poboación emigrou a América e, aínda máis, o causante da soidade, da separación dos seres queridos e da mesma morte.

A instalación na que emprega o vídeo rompe coa tradicional pantalla de proxección plana, para deste xeito experimentar coas relacións que se estabelecen entre obxectos e imaxes ata producir unha nova dimensión, achegándose á fermosura e ao dinamismo que caracteriza o mar. Unha sinxela filmación do mar remata adquirindo un ritmo extraordinario. Deste xeito os recursos empregados están na liña dos que vén habitualmente investigando a través da súa serie .

Por último, o galego Fran Herbello, en Bonito 18 de xaneiro de 1960, réndelles unha homenaxe aos mariñeiros afogados do barco Bonito e ao seu avó morto do mesmo xeito. Nunha liña de traballo moi diferente da que empregara nos seus traballos anteriores sobre o corpo, deixa de lado os materiais fotográficos convencionais para que o sol produza directamente as imaxes sobre teas negras como as que se empregan no loito tan rixidamente seguido na Galiza rural. O sol, a través das tramas, realizadas a partir das fotografías de carné dos náufragos, branquexa a tea, de xeito que permite ver claramente as diferentes texturas do tecido das teas negras. O resultado final ten unha lembranza moi familiar para o artista: os vestidos de alivio cos que lembra a súa avoa.

A obra é concibida como unha instalación na que as teas penduradas na parede dialogan coas caixas, que funcionaron como chasis fotográficos, deitadas no chan, lembrando as sepulturas do adro das igrexas e restituíndo de forma simbólica as sepulturas que o mar lles negou.

Esta exposición, que agora itinera, foi concibida para ser mostrada no faro Fisterra. Alí estabeleceuse unha interesante relación entre as obras e o mar. A través das ventás que había entre as obras de Fran, o mar dialogaba cos retratos dos mariñeiros; nas imaxes de Luis, o diálogo estabelecíase coas colchas das casas de Fisterra que el empregara para suxerilo; e saíndo do espazo escuro onde estaba a obra de Graciela, sentiámonos envoltos polo mar.

O aspecto relacional ao que antes aludiamos, moi importante para o proxecto, estivo moi presente non só na obra de Luis, senón tamén na de Fran, converténdose a sala nun emotivo espazo para a memoria, como se puido comprobar na inauguración da exposición no verán pasado.

Un proxecto deste tipo ten que acadar que as obras realizadas o transcendan, cousa que neste caso certamente ha suceder. De feito, nos poucos meses que ten de vida, algunhas obras xa foron mostradas e publicadas noutros contextos.

Este proxecto foi produto do entusiasmo e non sería posíbel sen a xenerosidade coa que o asumiron os artistas, Alexandre Nerium e Pablo Carrera, director do Museo do Mar de Vigo. Quero así mesmo agradecer a colaboración a todas as persoas que xenerosamente o fixeron posíbel.

Manuel Sendón

Comisario do proxecto

 

Organización: Foro Cosa da Morte, Concello de Fisterra e Museo do Mar de Galicia (Vigo)

Traducción

Galego e castelán: Xoán Cibeira

Inglés: Sabela García Sendón

 


Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s